Xa dispoñible a nova novela «Carolina»

portada-carolina

A historia dunha muller amante dos libros que loita por sobrevivir nunha cruel guerra fratricida conde os gañadores, ademais de tratar de aniquilar fisicamente os vencidos, pretenden impedir que pensen e imaxinen. Unha historia de paixón, vinganza e libros que, por empatía, deberías ler ás escuras e cunha lanterna na man.

Dispoñible tamén en formato ebook no catálogo de Xerais.

Ir ó catálogo de Xerais

CAROLINA

«Un ‘Love Always’ escrito no envés dunha foto de Gerda Taro e agochado entre as páxinas avellentadas dun libro de Hemingway mudou a miña vida para sempre. Ata aquela declaración de amor achegánonme as indicacións que un mes antes me dera a señora Rosalía Mera, unha atractiva ocftoxenaria que apareceu na miña vida coma unha desas coriscadas de primavera que fan desbordar os ríos, asoballan as colleitas e asolagan os campos, convertendo a terra que pisas nun leito lamacento e modevizo que paseniño te vai engulindo cara o máis profundo dos avernos. A señora Rosalía coñecina nunha cafetaría da madrileña praza del Ángel, onde unha tarde nos citamos ás cegas para tratar de desentrañar aquela misteriosa mensaxe que me deixara ca caixa do correo do xornal para o que entón eu traballaba de bolseiro. ‘Non quero protagonismo. Só necesito contarche unha historia’

A novela: Sinopse

Carolina Ernau é unha muller que loita por sobrevivir nunha cruel guerra fratricida onde os gañadores, ademais de tratar de aniquilar fisicamente os vencidos, pretenden impedir que pensen e imaxinen. Unha muller que se converte en maquis e espalla a paixón polos libros, sobre todo por aqueles que a marcaron como ser humano, aqueles que se viu obrigada a ler na clandestinidade, á luz dun farol ou baixo o foco dunha lanterna. Unha muller sobre a que penden ameazas de cadea, de tortura e de morte. Este é o relato dunha vinganza, a de quen non soporta a impunidade dos crimes e decide administrar xustiza pola man, protagonizando peripecias que poñerán en perigo aquelas persoas que participan no cometido. Unha destas persoas é o xornalista Tomás Abilleira, que inicia unha investigación sobre Carolina Ernau tras coñecer a Rosalía Mera, unha enxeñeira que traballou para os nazis durante os anos corenta do século XX.

«Carolina» é unha historia de paixóns, vinganza e libros que, por empatía, debería ser lida ás escuras e cunha lanterna na man.

O TRAPECISTA DA MALLA DE ROMBOS

«Pouco antes de pechar os ollos e ficar profundamente durmido, Iupanki habería de recordar aquel día de neboeiro orballoso en que a tita Amadora o levou a ver por primeira vez o gran Circo de los Muchachos. Daquela tiña oito anos e soñaba con ser trapecista, mais non un pinchacarneiros calquera, senón o trapecista da malla de rombos, aquel mozo de longa cabeleira e mandíbula musculada que saudaba os peóns dende o cumio dun cartaz publicitario, cun aceno que lle facía imaxinar a inminente execución dunha gran pirueta mortal. Para un neno que dende cativo non parara de avantar arameiras, saltar valados e gabear por cantas árbores atopaba a seu paso, ver un trapecista no mesmo intre de executar un salto acrobático cara ao baleiro, facíao estourar por dentro de emoción.»

A novela: A aventura de salvar un circo

Con dez anos acabados de cumprir, Iupanki soña con converterse no trapecista da malla de rombos do Circo de los Muchachos. Mais todo se volve na súa contra. Cando coñece a nación de Benposta, o país utópico onde reside a escola do circo e os nenos son quen gobernan, atópase con xente estraña que quere destruir o soño que axudaron a erguer cativos de diferentes partes do mundo. O neno Iupanki, aguilloado polo amor que comeza a sentir pola contorsionista Nuna, decide entón embarcarse na aventura de salvar o circo das gadoupas dos poderosos para asegurar que os artistas da malla de rombos poidan seguir levando a maxia do circo a todos os recunchos do planeta.

Memoria dunha utopía

Baixo a mirada inocente e soñadora dun neno, O trapecista da malla de rombos rende homenaxe a utopía que se fixo realidade en Benposta, a cidade dos rapaces. Un proxecto nacido do compromiso e a ilusión que pasou a formar parte da memoria colectiva de varias xeracións.

Booktrailer da novela

Estas imaxes do NO-DO de Televisión Española reflicten a época de esplendor do Circo de los Muchachos e a sona acadada pola que, a finais dos anos ciencuenta do pasado século, chegou a ser a segunda Escola de Circo do mundo. O noticiero da conta da chegada dos rapaces a Barcelona, Madrid e San Sebastián entre os anos 1966 e 1976, soprendéndose o cronista do esplendor acadado en todo o mundo polos artistas de Benposta, tan só dez anos despois de que a Nación dos Muchachos, fundada polo Padre Silva, vise a luz nun modesto recuncho da provincia de Ourense.

Ir a Booktrailer

O amor nos escuros días de Birkenau

As dudas de Thomas Münch

É o amor a millor arma para loitar contra a barbarie da sinrazón humana? ¿Pode alguén confiar na bondade dese sentimento nun lugar onde hai que pelexar cos seres máis queridos por respirar a última barbulla de osíxeno que fica nas cámaras de gas? Estas son algunhas das preguntas que asaltaron a Thomas Münch pouco tempo despois de coñecer a Irene Rosenthal na fábrica de munición dos campos de exterminio de Auschwitz, a onde acudía regularmente a cortarlle o cabelo ás presas. O perruqueiro berlinés confiaba en que só ese sentimento podería levalo a deixar de lado a xenreira que sentía cara os xudeus para implicarse  na revolución que debería afastalos do inferno de Birkenau. Mais sempre pairaba sobre el a mesma dúbida: ¿Era realmente posible o amor en Birkenau?.

 

Sinopse da novela

Aquí non, Thomas, Aquí non, O Amor Aquí non!, repetía con silandeira teimosía namentres tratataba de afastar das miñas nefres aquel insoportable cheirume a carne queimada que me arrabuñaba as tempas e me premía os miolos ata case facelos estoupar. Na inmensa soidade da Alta Silesia as palabras de Roman resoaban no meu peito coma un salouco de badaladas anunciando a morte do xénero humano. Aquí non Thomas, aquí non, o amor aquí non!.

 

Opinión do Editor

manuel-bragado

Manuel Bragado (Editor)

 “Alberto Canal ofrece en O amor nos escuros días de Birkenau unha estremecedora novela de amor, unha extraordinaria achega á narrativa do holocausto na nosa lingua”.

 

Booktrailer da novela

Hai dúas razas de homes no mundo, namais que dúas: a “raza” dos homes decentes e a dos indecentes. Ambas as dúas atópanse en todas as partes e en toda as capas sociais. Nós tivemos a oportunidade de coñecer o home cecais mellor que ningunha outra xeneración. ¿Que é en realidade o home? É ese ser que sempre decide o que é. É ese ser que inventou as cámaras de gas, mais tamén ese outro ser que entrou nelas con paso firme bisbando unha oración.

Vitor Frankl, psiquiata austríaco preso en Auschwitz, e autor da obra «O home en busca de sentido».

Ir a Booktrailer

 

Comprar a novela

libro-grande

Dispoñible tamén en formato ebook no catálogo de Xerais.

Ir ó catálogo de Xerais

O autor

alberto-canal-2

Alberto Canal

«Nacín no pobo de Casal de Maus, un incomparable miradouro cara o val e a villa medieval de Allariz. Estudei Filosofía e licencieime en Xornalismo na Universidade Complutense de Madrid. Durante unha década exercín como xornalista na prensa escrita, para pasar logo o eido da comunicación empresarial na empresa Caldaria. En 2008 publiquei a miña primeira novela “Conexión Tubinga” unha intriga filosófica en torno a existencia de Deus que resultou finalista do Premio Xerais dese ano e do San Clemente do 2009. No 2017 publiquei “O amor nos escuros días de Birkenau”, una historia de amor entre un preso anarquista alemán e unha xudía polaca no campo de exterminio de Auswitch-Birkenau, novela que tamén ostenta a condición de finalista do Premio Xerais.»   «O trapecista da malla de rombos», conta a historia dun neno de 10 anos que coa súa imaxinación intenta salvar ao mítico Circo de los Muchachos da súa desaparición. Unha obra para todos os públicos editada  por Xerais na súa colección Milmanda.  ‘Carolina’ é a miña última novela.

Catálogo do autor